A viaxe ferroviaria de Carlos Casares

Categoría: Nova

A semana pasada, Xesús Fraga publicaba en La Voz de Galicia esta extensa reportaxe sobre O expreso da literatura e outros ensaios, a escolma de artigos e conferencias sobre escritores de Carlos Casares que a Editorial Galaxia vén de publicar con motivo do Día das Letras Galegas deste 2017.
“É sabido que entre as afeccións de Carlos Casares polos trebellos pequenos os trens eléctricos ocupaban un lugar preferente. Un dos seus proxectos fanados era o de meter un escenario ferroviario en miniatura nun maletín para poder levalo consigo de viaxe: unha metáfora dentro doutra. A redución a escala permitía revivir, concentrado, o gozo que proporcionaba o mundo real, cun aquel de fantasía. Quizais por iso o convite que recibiu o escritor para percorrer Europa nun tren pareceulle algo de fábula irreal ata que case chegou o momento de subirse ao vagón”.

Chega ás librarías pois este libro que reune dezaseis escritos de Carlos Casares que compoñen un volume dun feitío similar a Un país de palabras (1998). Unha escolma de artigos e conferencias sobre escritores como Albert Camus, Castelao, Ánxel Fole, Torrente Ballester, Valle-Inclán ou Brice Echenique. Tamén reflexións sobre as tertulias en Pontevedra, as cidades de Vigo e Ourense, e sobre o pasado e o futuro do idioma galego. Ensaios literarios que o propio escritor describía así: “Se me piden que fale de algo, que dea unha opinión ou exprese unha idea, dunha maneira espontánea póñome a contar”.


Compartir na redes sociais: