A actividade de dinamización lingüística A galiña azul despide estes días o seu paso polo programa FalaRedes en 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Á función do pasado 11 de abril en Lalín, a penúltima antes da derradeira en Cangas, acudiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o rexedor municipal, Rafael Cuíña, o presidente da Fundación Carlos Casares, Xabier Casares, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Esta proposta do FalaRedes, programa que procura a dinamización no uso e a valoraciónpositiva da lingua, chegou durante a primavera, en exclusiva, aos concellos de Valga, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Ferrol, Melide, Foz, Mondoñedo, O Barco de Valdeorras, Carral, Oleiros, Monforte de Lemos, Teo, Xinzo de Limia, Monterroso, Redondela, Ames, Ribadavia, Ourense, Baiona, Lalín e Cangas, todos eles pertencentes á RDL. Ademais, cada familia asistente recibiu, ao final da actividade, un exemplar do libro ‘A galiña azul’, nunha edición especial da Editorial Galaxia para a RDL.
A adaptación teatral do libro A galiña azul, inspirada obra homónima que Casares, publicou por vez primeira en 1968, recupera unha peza de referencia na historia da literatura infantil galega. Contén cinco historias entrelazadas que transmiten valores tan importantes como o respecto pola diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown.