Hoxe, 24 de febreiro, celebramos o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Dende a Editorial Galaxia festexamos este día co anuncio da saída da biografía da autora, realizada por María Xesús Lama. Un estudo dende o rigor, unha achega minuciosa que nos permitirá saber máis da autora de Follas Novas, pero tamén máis de nós.
Nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, adolescente inqueda con soños de artista, rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, escritora consciente do seu talento disposta a saír á praza pública… Neste primeiro volume da biografía de Rosalía de Castro nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. María Xesús Lama, profesora de estudos galegos na Universidade de Barcelona e editora de Cantares gallegos, pescuda con rigor e admiración, con obxectividade non exenta de paixón, na vida da poeta en Galicia e Madrid nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que na segunda metade do século XIX decide intentar vivir da pluma. A autora aproveita as últimas descubertas da investigación filolóxica e histórica para afondar nas viraxes inesperadas que obrigan a poeta a regresar a Compostela coa carga dunhas responsabilidades familiares que lle fan reconsiderar a orientación da súa vida.