El Corte Inglés, a través de Ámbito Cultural, únese ao Premio Illa Nova de Narrativa

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia convocou o pasado 12 de xaneiro a primeira edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. El Corte Inglés súmase, co seu patrocionio, a este certame que quere axudar a abrir camiño a quen está comezando no mundo da literatura.
O premio, amais da contía económica de 3.000 euros, leva aparellado a publicación da obra na colección Literaria da Editorial Galaxia onde están grandes voces da literatura galega de hoxe e de sempre.
A Editorial Galaxia e El Corte Inglés coinciden na importancia de crear espazos para os novos valores, para o seu apoio e para a súa visibilidade. Por esta razón, a entrega do premio, que terá lugar o 6 de maio na Fundación Barrié de Vigo, será tamén unha posta en valor das novas figuras noutras disciplinas. O acto contará con música e entregaráselle á persoa premiada unha escultura conmemorativa, en ambos os casos escolleranse valores novos representativos deses eidos.
O Premio Illa Nova segue a estela da colección do mesmo nome que a Editorial Galaxia botou a andar hai 60 anos. Era 1957 e pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.
Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, nace o Premio Illa Nova de Narrativa que patrocina El Corte Inglés por compartir a mesma sensibilidade de apoio aos novos valores.
O prazo de entrega de orixinais remata o 31 de marzo e as bases poden consultarse na web da Editorial Galaxia. A decisión do xurado darase a coñecer en abril e o acto de entrega será o 6 maio, onde faremos unha festa da literatura con futuro.

Compartir na redes sociais: