Rafael Quintiá Pereira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016

Categoría: Nova

A obra Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia, de Rafael Quintía Pereira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, que organizan conxuntamente a Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 30 de decembro de 2016, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e será publicado pola Editorial Galaxia durante o próximo ano, trata o tema da apropiación por parte do cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia. O ensaio está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas. Estas transformacións converteron os espazos, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares de culto cristián. Valórase asemade a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos, documentando unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galicia.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona Marilar Aleixandre, Don Luís Alonso Girgado, Don Uxío Labarta Fernández, Dona Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos seis orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)  Tamén foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.
Gañou o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) polo seu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega.
Gañou o III Premio de investigación Luís Cuadrado (2010) polo seu traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo.
É autor dunha decena de ensaios, entre eles: Monte das Croas. Antropoloxía dun castro (2016), Análise estrutural e simbólica do ito da Moura (2016), La historia de Galicia en 50 lugares (2015), Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos (2015), Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas (2014), Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega (2013), A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero (2011) e Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica (2010).

Compartir na redes sociais: