Chega á editorial a segunda imprensión de Pitusa Semifusa, a nena que nos ensinou os instrumentos musicais. A súa avoa era directora de orquestra e, aínda que non a coñeceu, deixou mandado que se algunha vez tiña unha neta, quería que lle regalasen un gramófono. Pitusa quere sabelo todo sobre a música e os instrumentos e polas páxinas do libro e a través das cancións descobre un mundo novo.
En xuño sairá un novo libro-cd con novas aprendizaxes, porque desta volta Pitusa está interesada polos estilos musicais.
Un proxecto de Olga Brañas cheo de sensibilidade, de gusto musical e de alegría para aprender de música a través dela. Coas marabillosas ilustracións de Leandro Lamas.
Olga Brañas é Licenciada en Historia da Arte e ten o Grao Profesional en Piano. Estudou ademais harmonía e percusión. Pianista, pandereteira, compositora… Pitusa Semifusa é a súa primeira incursión na música infantil e en nada chegará a segunda entrega na colección Sonárbore!