O público que asistiu no Café Moderno de Pontevedra a presentación de Memorias dun ninguén tivo ocasión de coñecer de primeira man a filosofía de vida, e tamén a retranca, que deron pe a este libro, definido polo propio como "biografía novelada".
O acto foi presentado por Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra. Interviu tamén Víctor F. Freixanes, director de Galaxia e "responsable" de que Carlos Mella se iniciara na literatura coa publicación, hai vinte anos, de Non somos inocentes.
O economista e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia, bota neste libro unha ollada ao tempo pasado mais sen a intención de o recuperar. Trátase como dixemos dunha autobiografía novelada, un conto longo escrito cunha fina ironía e unha pluma áxil, no que se relata a Guerra Civil vista a través dos ollos dun neno, a mocidade durante o franquismo, a fartura da ilusión e as ambicións logradas… a inanidade final.