'A elegancia do ourizo' vén de chegar ás librerías de Galicia na súa segunda edición. Un éxito, o da novela de Muriel Barbery, que é similar, na nosa lingua, ao que está a ter esta novela no resto de Europa onde, dende o instante da súa aparición, sorprendeu a público e crítica. Esta sensación refrendouse en vendas importantes e en traducións a moitas linguas do noso contorno. O cinema, por suposto, tamén se deixou seducir por esta historia engaiolante.
Na Editorial Galaxia, onde a política de traducións dos grandes autores e autoras contemporáneos é unha constante dos últimos anos, apostamos forte por esta novela que recende a un París de libros ocultos e veciños con vidas secretas. Mais, sobre todo, sobrancea nesta historia poderosa, Paloma, unha nena que está disposta a facerse oír a través destas páxinas afortunadas.