"Cartas marcadas" en Bruxelas

Categoría: Nova

Unha reflexión sobre a lectura e a vocación de escribir. Unha viaxe pola experiencia persoal do escritor diante dos libros e diante dos seus propios textos. Un diálogo entre os autores e os lectores, que se recoñecen a través do imaxinario común da literatura. Así concibe Xavier Queipo (Santiago, 1957) a súa última entrega, un ensaio sobre a escrita e a lectura que inicialmente foron colaboracións para o portal do Consello da Cultura Galega reordenadas agora para a publicación en papel: textos breves, incisivos, suxerentes.

No espazo da librería Orfeu, referente da literatura galega e portuguesa na capital europea, reuníronse amigos do autor e persoas interesadas na cultura galega. Joaquim Pinto, o anfitrión, presentou o diálogo que sustiveron o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o autor de Cartas marcadas (colección Illa Nova).

A literatura é unha descuberta, unha vía de coñecemento que é tamén, en palabras de Xavier Queipo, unha reflexión sobre o mundo que nos toca vivir e a nosa posición no mundo. Con referencias biográficas e anécdotas de carácter persoal, nas que explica o seu inicio na escrita, o autor propón un diálogo cos seus lectores e, en xeral, co proceso do libro e a súa significación no discurso da creación.

O día anterior, no hemiciclo do Parlamento Europeo, Xavier Queipo participou, xunto coa profesora Dolores Vilavedra, o tradutor Craig Patterson e o director xeral de Galaxia, nun coloquio sobre as nosas letras no marco das actividades que promoveu a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) sobre as literaturas españolas, presentado polo parlamentario europeo Antolín Sánchez Presedo.

A librería Orfeu vén sendo dende hai anos un espazo de encontro arredor das letras galegas e portuguesas, cun importante fondo editorial na capital belga. "Escribimos para estar no mundo", explicou o autor. "Escribimos coa vocación e a convicción de estar construindo o mundo dende a nosa lingua e dende a nosa identidade de galegos, dialogando con toda a literatura universal, con todos os autores e as obras que existen canda nós e coas que existiron antes ca nós. As palabras galegas configuran o camiño da nosa propia identidade no marco dunha sociedade cada vez máis aberta, cada vez máis esixente, na que reclamamos un espazo libre para existir, territorio da excelencia que nos fai universais e ao que non renunciamos".

Compartir na redes sociais: