Presentouse no Liceo de Ourense, ‘Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía’

Categoría: Nova

Onte presentouse no Liceo de Ourense o volume 'Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976' que recolle a totalidade da traxectoria do patriarca das Letras Galegas, do que son coautores Patricia Arias Chachero e Afonso Monxardín. Esta obra foi editado pola Fundación Otero Pedrayo, en colaboración coa Editorial Galaxia, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial.
No acto, ademais do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, tamén participaron o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes; o presidente do Liceo, Javier Casares, así como os autores, Afonso Monxardín e Patricia Arias Chachero. Así mesmo, estivo presente no acto celebrado no Liceo o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez.
Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976 trátase dunha obra divulgativa ilustrada con máis de 400 documentos gráficos, en parte boa parte inéditos ou pouco coñecidos, que contextualizan a traxectoria vital de quen se ten dado en chamar o patriarca das Letras Galegas, unha das figuras literarias e intelectuais que concita maior admiración no seo da cultura galega.

As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región. Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que nolo amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre, Otero Pedrayo.

Compartir na redes sociais: