Os nenos da varíola, a nova novela de María Solar

Categoría: Nova

Dende hoxe nas librarías OS NENOS DA VARÍOLA, a nova novela da escritora María Solar. Nesta novela, a máis ambiciosa da autora, recupera un dos episodios máis incribles e descoñecidos da medicina mundial que ten como protagonistas a moitos galegos. En 1803 os nenos do hospicio da Coruña, dependente do Hospital da Caridade, sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora, Isabel Zendal, poden imaxinar de que maneira lles cambiará a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica. O propósito era levar a vacina da varíola ao Novo Mundo. 22 orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorio de ultramar.
Unha novela sobre a nosa historia, baseada en feitos reais, que recupera un dos episodios máis descoñecidos e fascinantes da medicina mundial. Un libro de acción trepidante que non deixa indiferente, que está meticulosamente documentado e que combina personaxes reais con outros de ficción sobre os que recae boa parte da carga dramática.
Con motivo do lanzamento do libro realizaranse na Coruña e Santiago dúas homenaxes. En Compostela o Hostal dos Reis Católicos, antigo Hospital Real, colocará unha placa nunha parede do antigo hospicio que se atopaba no seu interior, homenaxeando aos 5 nenos expósitos que formaron parte da expedición. Na Coruña, o concello, participará tamén en actos de homenaxe aos nenos, a reitora, Isabel Zendal, e demais membros da expedición.
En 1980 a OMS declarou o planeta Terra zona libre de varíola. Era a primeira vez, e de momento a única, que unha enfermidade se erradicaba grazas a unha vacina. A ninguén escapa a impostancia vital da Real Expedición da Vacina para a súa erradicación.
A OMS recoñece tamén a Isabel Zendal, reitora da casa de expósitos da Coruña (nada en Ordes) como a primeira enfermeira do mundo en misión internacional, e o goberno mexicano outorga cada ano o Premio Nacional de Enfermaría que leva o seu nome.

Con Os nenos da varíola, María Solar recupera un dos episodios máis incribles e descoñecidos da medicina mundial, que ademais é parte da nosa propia historia

Compartir na redes sociais: