Olga Gallego, Premio Trasalba 2008

Categoría: Nova

A memoria de Ramón Otero Pedrayo volverá a convocar unha nutrida representación da cultura galega nas instalacións e arredores da casa grande de Cimadevila, na parroquia de Trasalba, concello de Amoeiro, casa petrucia dunha das grandes personalidades das letras galegas contemporáneas. Nesta edición entregarase o Premio Trasalba á arquiveira e documentalista Olga Gallego Domínguez, nun acto literario ao que asisten case medio millar de persoas.

Esta é a XXVI edición do Premio Trasalba, que o ano pasado foi concedido ao británico John Rutherford. Prémiase a traxectoria dunha figura comprometida coas letras e coa cultura galega. O premio non ten dotación económica, senón afectiva e simbólica. Isaac Díaz Pardo entrega un deseño orixinal, especialmente pensado para a ocasión, e a Fundación Otero Pedrayo entrega un Libro Homenaxe á personalidade agasallada, nesta ocasión coordenado polo director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro. Titúlase o libro O tecido da historia, e inclúe, entre varias colaboracións, un orixinal de Olga Gallego sobre Otero Pedrayo.

Pablo Sánchez Ferro será o encargado da laudatio da homenaxeada no acto literario que presidirá o titular da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro. Ao mesmo tempo, Craig Patterson, discípulo de John Rutherford en Oxford e profesor na universidade de Stirling (Escocia), presentará o seu libro O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade galega, editado inicialmente en inglés e traducido e publicado agora pola Fundación. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e vicepresidente da Fundación Otero Pedrayo, presentará pola súa banda o libro de Otero Pedrayo, Galicia e Europa, editado neste caso polo Consello da Cultura Galega, no que se recolle unha conferencia coa voz do autor de Trasalba.

Tradicionalmente, a festa de Trasalba, na que se reúne o Patronato da Fundación para facer reconto das actividades do ano, celebra unha misa votiva en memoria de Otero Pedrayo e unha comida de amizade no souto próximo á casa grande de Cimadevila, á que asisten arredor de medio millar de persoas. A Fundación, presidida polo escritor e editor Víctor F. Freixanes, acolle no seu Patronato personalidades e institucións de toda Galicia, entre outras as tres universidades galegas, a Deputación Provincial de Ourense, o concello de Amoeiro e a Consellería de Cultura.

O Premio Trasalba foi instituído hai 26 anos. No ano 2006 concedeuse ao grupo Milladoiro, que agasallou á Fundación cun tema orixinal titulado "Trasalba" e que dende entón se convertiu no himno ou referencia musical da festa literaria. Outras personalidades que recibiron o premio foron Xoaquín Lorenzo, Isidro Parga Pondal, Antón Fraguas, Valentín Paz Andrade, Ramón Martínez López, Francisco Fernández del Riego, Miguel Anxo Arauxo Iglesias, Filgueira Valverde, Lois Tobío, Xaime Isla Couto, Isaac Díaz Pardo, Marino Dónega, Francisco Xavier Río Barxa, Pura Vázquez, Borobó, Xohán Ledo, Carlos García Martínez, Alonso Montero, Méndez Ferrín, Augusto Pérez Alberti, Torres Queiruga, Neira Vilas e, a título póstumo, Agustín Sixto Seco, ademais dos citados Millladoiro e John Rutherford.

Compartir na redes sociais: