25 anos de cultura galega

Categoría: Nova

A exposición, que nace con vocación itinerante, está patrocinada por Caixanova, pola Presidencia da Xunta de Galicia, pola Consellería de Cultura e Deporte e mais polo Consello da Cultura Galega, que é a institución que a promove, coincidindo cos actos conmemorativos do seu XXV aniversario.

Os comisarios de Galicia 25. Unha cultura para un novo século, son membros do plenario do Consello da Cultura Galega: Víctor Fdez Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara. Movéronse máis de 2.000 referencias fotográficas, gráficos, ilustracións varias, e arredor de 25 producións de vídeo e recursos multimedia. Na mostra expóñense obras de arte do fondo de Caixanova e de diversas doazóns privadas para ilustrar os diferentes módulos temáticos, maquetas de obras arquitectónicas, audicións musicais, etc. O deseñador é Xosé Díaz (Imagomundi), coa coordinación executiva de Gustavo Garrido e Xosé Manuel Lens, e a produción xeral correu a cargo de Merlín Comunicación S.L.

Durante os dous meses que durará a mostra en Vigo (outubro e novembro) están programadas unha serie de actividades complemantarias, entre as que se inclúen mesas redondas sobre literatura, arte, patrimonio, ciencia e tecnoloxía, proxeccións de cine galego e visitas de centros escolares.

Galicia 25: Unha cultura para un novo século consta de 25 módulos temáticos que contemplan unha visión plural e interdisciplinar da creación cultural: dende a literatura ao audiovisual, dende a creación plástica ao teatro, mais tamén a ciencia e o coñecemento, as aplicacións industriais, as industrias da comunicación, o lecer, o turismo, etc., intentando ofrecer unha panorámica moi aberta das realidades e das posibilidades da identidade cultural galega entrados xa no século XXI.

Compartir na redes sociais: