Esta fin de semana, Merlín Comunicación, empresa do Grupo Editorial Galaxia, dá comezo á súa montaxe, preparada para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, dentro do programa de dinamización lingüística, falaRedes, e que titulamos 'O señor das dunas'.
O espectáculo, de corte familiar, percorrerá Galicia comezando a súa andaina, esta fin de semana, no Morrazo. Estamos diante dun espectáculo no que dous actores dan vida ao Señor das Dunas e o seu discípulo, ilustrador con area. O primeiro, é un vello bibliotecario que hai anos naufragou diante da costa de Corrubedo, onde quedou a vivir, entre as súas dunas. Durante anos, os veciños da vila achegáronse canda el escoitar as historias que lera en tantos libros nos longos anos como bibliotecario. Agora, xa maior, ten que ser o seu discípulo quen, usando area da praia, as ilustre mentres el as conta.
O espectáculo, desenvolvido polo actor Mani Braga, no papel do señor das dunas, e polo ilustrador Dani Boullosa, baixo a dirección artística de David Hernández, de Adarme Visual, permitiranos escoitar cinco historias tradicionais galegas e ver como, diante dos nosos ollos sorprendidos, e usando só area coa que traballa sobre unha pantalla que é reflectida noutra xigante, van cobrando vida os distintos personaxes que aparecen na narración. Apoiados na música e nos efectos de son, os que se acheguen ao espectáculo teatral gozarán dun intre de palabra, fantasía e maxia realmente inesquecible.
'O señor das dunas' representarase o sábado ás 18.30 no Centro Social de Bueu, o domingo ás 12.30 na Biblioteca Municipal Vidal Pazos de Marín, e, o mesmo día, ás 18.00, na Casa de Cultura de Vilaboa.
Todos os asistentes recibirán como agasallo un libro que recolle os cinco contos tradicionais galegos que se narran no espectáculo, ilustrados, tamén eles, con area.