Con Carlos en Londres tralas pegadas de Sherlock Holmes

Categoría: Opinión

 

Compartín algunhas viaxes con Carlos. Gardo especial lembranza dos días que pasamos xuntos en New York, Berlín e Barcelona, cidades que adoraba e que coñecía polo forro. Unha das estadías máis divertidas que disfrutei na súa compaña aconteceu durante un congreso de estudos galegos en Londres. Partillamos aquel xuntoiro con máis amigos, como Víctor Freixanes e Malós, Suso de Toro ou Paco Carro. Estabamos aloxados nunha especie de pousada cuáquera, tan austera como acolledora, situada no mesmo centro da cidade. Se o recordo non me engana, estabamos pretiño do Museo Británico, do precioso Pub onde nos primeiros anos trinta se xuntara o círculo de Bloomsbury (que, naturalmente, demos en frecuentar naqueles días)  e dos locais da Universidade de Londres onde se desenvolvía o congreso. Corría o ano 1995… ou sería o 1996?

Carlos ás veces cansaba da dinámica de grupo, pois este, como adoita acontecer cos todos os grupos movíase, con lentitude e torpeza pola cidade, e ademais a maior parte da xente quería ver os sitios máis famosos da cidade, xa que moita dela non coñecía Londres. Nunha destas, Carlos botoume unha chiscadela: “Ti xa coñeces Londres, non si?”. A verdade é que eu xa tiña estado por alí varias veces, e incluso nalgunha ocasión estivera aloxado en casa dun alumno meu da Universidade de Birmingham, de maneira que xa xirara as roldas turísticas obrigadas. Como viu a miña boa disposición para unha escapada, propúxome que o acompañase a unha visita moi especial: a Casa-Museo de Sherlok Holmes, en Baker Street 7, creo que era o número. Aló fomos. Pero a Carlos non só lle interesou a Casa, senón que quedou engaiolado coa tenda do museo que había enfrente, que ofrecía unha variopinta memorabilia sherlock-holmesiana e, por suposto, unha ampla gama de edicións das obras de Arthur Conan Doyle. Tal foi o entusiasmo, que tivemos que regresar un par de veces á tenda. De cada vez, o meu amigo dubidaba ante os carísimos prezos dalgunhas pezas desexadas, pero afinal non puido resistir a tentación de mercar, por exemplo, unha carísima colección orixinal de The Strand, o xornal onde primeiramente se deran a coñecer, en folletín, as historias do famoso detective.

Foi daquela cando Carlos concibiu a idea de traducir e editar en galego as aventuras de Sherlock Holmes: desa idea xurdiu unha auténtica xoia bibliográfica, pola cualidade tanto das traducións coma da mesma edición. En fin, el e eu viñemos de volta para Compostela cargados de recordos de Sherlock, incluíndo uns pins que os traballadores e traballadoras de Galaxia luciron durante meses, e unhas gorras do peculiar estilo do detective para as nosas donas, Kristina e Loli. Estes estrambóticos agasallos, ocorrencia de Carlos, non foron moi ben acollidos polas agasalladas. Loli hoube de facerme comer con patacas a gorra sherlockiana. A Kristina nunca lla vin posta. Así e todo, téñoa gardada para sempre no faiado das lembranzas.

Compartir na redes sociais: