En Galaxia afrontamos o outono e o Nadal con novidades para todos os públicos e todos os gustos, advertimos que non poderedes parar de ler!!
En Literaria novelas intensas como Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval ou Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales. Aos relatos volve Antón Riveiro Coello con Á sombra dos bonsais e publicaremos os premios narrativos máis importantes do país. O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, Premio García Barros, A senda de sal, de Francisco Javier Fernández Davila, Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia e a obra gañadora do Premio Repsol, que se fallará nos vindeiros días.
Na colección de poesía Dombate aparecerán Mudanzas e outros velenos, de Marilar Aleixandre, que recolle practicamente toda a súa poesía, Corpo de Antiochia, de Tamara Andrés, e Latexos Beat, a colectánea de poesía arredor do exitoso Festival Kerouac Vigo, un dos festivais urbanos máis importantes do Estado.
Rematamos o Ano Casares coa difusión da súa obra literaria máis descoñecida no libro de relatos O suicidio de Jonas Björklund, tamén das súas columnas xornalísticas con A ledicia de ler. Así mesmo comezamos a quentar motores para o 2018 coa reedición da obra de María Victoria Moreno, á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas, as novelas Anagnórise ou Guedellas de seda e liño que xa se poderán ler nunha edición anovada.
A nosa aposta pola novela gráfica virá da man das obras de dous grandes ilustradores, Kiko Dasilva e Xaquín Marín que publicarán Alma galega e Tonecho, respectivamente. E non nos esquecemos do teatro, a piques está de saír Na butaca, de Esther Carrodeguas.
A colección Sonárbore seguirá a darnos alegrías cos novos libro+cd de Mamá Cabra, Ti cociñas, eu cociño? e Parábolas de Pakolas, de Paco Cerdeiras. Tamén prestaremos atención aos bebés e ás familias coa colección Os libros de Wombi, os tres primeiros verán a luz este outono: Wombi e os chupetes, Wombi e os cueiros, Wombi e o medo á escuridade.
Na colección Árbore verán á luz Formigas, risas, flores e dinosaurios, de Euloxio Ruibal, Hermes, o aprendiz de mago, de Manrique Fernández. E nesta mesma colección terá un oco a poesía infantil con Dándolle a volta ao mundo, de Berta Dávila.
En ensaio moitas serán as novidades, entre outras Identidade e afectos patrios, asinado por Ramón Villares, A liberdade no século XXI, de Enrique Sáez Ponte ou Ánxel Huete: unha revisión crítica. Tamén reeditaremos obras que marcaron unha época, como O triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor F. Freixanes.
Este Nadal estrearemos a colección Alfaia con Tenrura, de Antón Cortizas, un libro agasallo para todas as idades nun formato especial e tamén teremos as mellores receitas compiladas por Carina Regueiro en Estrelas da despensa galega e traducións, teatro e outras moitas novidades para rematar o ano gozando das nosas letras con todos os sentidos!