Nordeste: un refacho de aire fresco na narrativa galega

Categoría: Nova

Veñen de aparecer na prensa novas lecturas a propósito de Nordeste, a novela coa que Daniel Asorey gañou a pasada edición do Premio de Narrativa Breve Repsol.
A crítica Montse Pena Presas escribe hoxe no Faro da Cultura: “Nordeste é unha sorpresa, un refacho de aire fresco na narrativa galega adulta dos últimos tempos, un grolo de cachaça que non se agarda. non é compracente, non é para lectorado que busque a lectura doada ou o entretemento, é para quen siga procurando na literatura a capacidade de axitación. Non a perdan: nas súas páxinas agóchase a forza da rebelión e o soño que puido ser, mais que acaba por non ser compracente, porque tamén doe”.
Paulo Villar destaca para a revista Tempos Novos que “Nordeste é unha historia do empoderamento da muller e da súa conexión coa contorna social e natural, e tamén unha visión ucrónica de Galiza, na que Castelao chega a ser presidente da República Galega”, constituíndose ademais en parábola da “subversión  da orde establecida, así como do proceso colonizador, que segue a ter as súas consecuencias” como reflexa a través da hipotética colonia galega do Nordeste do Brasil.
Pola súa banda, Tensy Gesteira coincide dende o blog Lecturafilia en que “Non pasa desapercibida tampouco esa relación que se establece entre o país brasileiro e a nosa Galiza, dous lugares que comparten un pasado e ata unha linguaxe que no fondo non deixa de ser a mesma. Sen dúbida é unha novela que nos dá a coñecer uns feitos dos que, recoñezo, non sabía. E é que a historia dos pobos atópase case sempre na literatura e non tanto neses libros que se fan chamar de historia“.
A reseña completa do Faro da Cultura pódela descargar aquí.
E a reseña en Tempos novos, aquí.

Compartir na redes sociais: