A pesar da chuvia as rúas de Santiago de Compostela enchéronse de manifestantes, encabezados por unha pancarta portada por nenos na que se podía ler "Súmate connosco ao futuro do galego". A continuación, e portando a faixa co lema da manifestación, "Polo dereito a vivirmos en galego", ían os membros da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, encabezados polo seu presidente, Carlos Callón. Organizacións de estudantes, partidos políticos, asociacións de veciños, colexios profesionais e outros colectivos sumáronse tamén á convocatoria portando os seus propios lemas en defensa do galego.
Xa chegados á praza da Quintana, á que centos de persoas non conseguiron entrar por mor da enorme cantidade de xente que alí se congregou, a actriz Isabel Martínez-Risco encargouse de animar ao público, até que se produciu a lectura do manifesto, a cargo de persoas que se significaron pola súa defensa da lingua nos últimos meses.
Ana López-Suevos, xuíza denunciada ante o Consello Xeral do Poder Xudicial por un avogado da Cadena Cope por redactar unha sentenza en galego; Ignacio Vilar, director e produtor de Pradolongo, exitoso filme rodado integramente na nosa lingua e que non se puido visionar nas salas comerciais de Santiago de Compostela pola negativa dos seus responsábeis; Xesús da Torre, que non foi contratado nun hotel por falar en galego, e Eduardo Álvarez, mestre denunciado e sancionado por reclamar da administración de xustiza o dereito a expresarse e a recibir información en galego debullaron os parágrafos do manifesto promovido pola Mesa.
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, fixo fincapé no seu discurso en que, a día de hoxe, se segue a discriminar á xente por falar en galego. Dirixiuse explicitamente aos poderes públicos: "se hai vontade, pódese aprender dos erros, corrixilos e afianzar os acertos", aínda que tamén manifestou que "se nós non defendemos o noso idioma, ninguén o vai facer por nós". "Os adiantos para o galego sempre foron conseguidos pola presión democrática da sociedade", concluíu.
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que tamén asistiu á marcha, afirmou que «esta non era unha manifestación dos que falamos en galego en contra dos que falan en castelán, ao contrario, é unha marcha dos que lle queremos ben ao galego, que pretendemos lanzar un berro de sedución a todos os galegos, especialmente aos que aínda non utilizan a nosa lingua, para que se somen a esta petición».