Onte, 18 de abril, faleceu o escritor Miguel Suárez Abel (Santo Estevo do Campo, Arzúa, 1952). Ademais de polo seu labor como orientador no Instituto Luís Seoane de Pontevedra, posto do que se xubilara hai poucos anos, é ben coñecido pola súa obra literaria, especialmente desque obtivo o Premio Blanco Amor en 1986 coa súa novela Turbo. Colaborador de radio e prensa, Suárez Abel deuse a coñecer como escritor a principios da década de 1980 no Premio Modesto R. Figueiredo cos relatos “O fillo do Serafín” (accésit en 1981), “O Quiquiriquí” (primeiro premio no 1982) e “A alemana” (finalista en 1986). Posteriormente publicou Álvaro Pino (1989), Sabor a ti (finalista do Premio Xerais en 1991), Selva Negra (1993) e participou en libros colectivos como Contos do Castromil (1992), Unha liña no ceo (1996), Novo do trinque (1997), Contos dende a arquitectura (2003) e Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros (2015). No ano 2001, recibe o Premio de Periodismo Julio Camba. No 2002, gaña o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con O repenique de Beatriz Goldar (2003). E, no ano 2007, recibe o Premio Periodístico Puro Cora.
A obra de Suárez Abel como novelista destaca pola necesidade inicial coa que está concibida, a de pescudar nas formas de relación do ser humano co mundo. O senso da acción humana e as relacións que a través dela se establecen é un dos motivos nos que pescuda, por exemplo, en Nunca te vin chorar (2010), a súa última novela, que tivemos a honra e a satisfacción de publicar en Galaxia. A orde do tempo, expresada a través da narrativa e desta como pescuda na memoria, e singularmente o senso que esa orde dá a vida —un senso moral, no que ben e mal están presentes— son temas arredor dos que Suárez Abel artella a cerna da súa obra literaria.
O interese que Suárez Abel poñía no desenvolvemento do argumento, na disposición da historia e no deseño dos personaxes é consecuencia e xustifícase por esa busca do senso moral da ficción. Conseguir transmitir ese senso da vida aos outros era unha das súas grandes preocupacións. Esa é mensaxe que Miguel Súarez Abel nos deixa coa súa obra. Como lectores e editores, agradecémosllo fondamente.