César Lorenzo Gil publicaba hoxe no blog Biosbardia, unha crítica sobre De camiños, viaxeiros e camiñantes, o ensaio co que Santiago Lamas e Alfonso Mato gañaron o Premio Ramón Piñeiro 2015 reflexionando sobre o significado cultural das viaxes e a súa relación directa coa literatura e o acto da lectura. Lorenzo Gil destaca que ” este libro é valioso porque aproveita aquela peregrinaxe para ampliar o marco de atención. Por un lado, os autores atenden ao paso do tempo, a que foi de Galicia logo de 90 anos de historia e avances tecnolóxicos en infraestruturas. Polo outro, conectan esta experiencia do vagamundar con outras que se foron dando noutros lugares: o papel social do paseo, do camiño, nunha sociedade que pouco e pouco foi abandonando o paso a pé como principal maneira de transporte”. E remata a súa lectura cunha recomendación: “da lectura do libro extráense novos camiños para muscular o noso paso polas letras sobre camiños. Tamén para outras experiencias, como o proxecto audiovisual Pelerinaxes, tamén promovido por Galaxia, que recorda doutro xeito aquela viaxe e a vincula co noso presente”.