A Fundación Penzol recibiu a Medalla de Ouro de Galicia

Categoría: Nova

nte no edificio CINC da Cidade da Cultura tivo lugar a entrega á Fundación Penzol da Medalla de Ouro de Galicia, que coincide coa celebración do seu 50 aniversario. Entrega que o 25 de xullo tivo que ser adiada por mor do tráxico accidente ferroviario acontecido a véspera no lugar de Angrois.

Abriu o acto coa súa intervención o chanceler das medallas e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Logo da entrega do galardón, tomou a palabra Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Penzol, quen fixo un percorrido pola historia e importancia da fundación na construción do discurso do galeguismo, salientando asi mesmo o papel decisivo do seu fundador, Fermín Penzol e mais da súa dona, Blanca Jiménez, así como do seu director vitalicio, Francisco Fernández del Riego.

Pechou o acto o presidente da Xunta que, igual que o anterior intervinte, tivo sentidas palabras de condolencia e lembranza para as vitimas e familiares no devandito accidente. Pasou despois a refirirse á Penzol como gardiá do espirito colectivo de Galicia e salientou ademais o seu labor na recuperación da memoria e futuro de noso. Avogou porque a forza da institución se manteña máis viva que nunca e lembrou que, grazas ao seu traballo e compromiso, dende cando non corrían bos tempos para a nosa identidade, "Galicia recupera a liberdade tendo referencias e sabendo o que é e o que foi".

Ademais da prática totalidade dos membros do padroado da fundación e de numerosas persoas amigas, entre outras personalidades, asistiron ao evento a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, o delegado do Goberno, Samuel Juárez, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez e os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Gerardo Fernández Albor, quen ademais é padroeiro vitalicio da Penzol. O acto rematou co himno galego.

Compartir na redes sociais: