Entrega do Premio Fernández-Latorre á Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Mañá xoves, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, recollerá, en nome de toda a familia que conformamos a editorial, o Premio Fernández Latorre que concede La Voz de Galicia.
O galardón foille outorgado á nosa editora no pasado mes de xullo. O xurado destacou o seu 'compromiso inquebrantable coa cultura galega' como un dos méritos para recibir o premio.
O Xurado valorou especialmente a contribución da editorial á recuperación e fomento da lingua e a cultura galegas e o seu compromiso inquebrantable co patrimonio cultural de Galicia, que se ten concretado na publicación dos autores máis destacados da comunidade ata formar un catálogo vivo de mil títulos. Destacou así mesmo o seu papel dinamizador da vida intelectual galega e a posta en marcha de proxectos tan ambiciosos e fundamentais para a comunidade como a Fundación Penzol e a revista Grial.
O xurado desta 55.ª edición do Premio Fernández Latorre estivo constituído polas seguintes persoas: Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da fundación; Lois Blanco Penas, Roberto L. Blanco Valdés, Sergio Cancelo Mallo, Luciano Vidán Martínez, vogais; José Francisco Sánchez Sánchez, vogal e director da fundación; Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia, e Manuel Areán Lalín, vicepresidente da fundación, que actuou tamén como secretario.

Compartir na redes sociais: