Unha viaxe pola biografía e a obra dun autor fundamental na edición galega, a quen este se adica este ano o Día das Letras Galegas. O visitante poderá achegarse a súa obra a través do material bibliográfico exposto, tanto da súa autoría como da súa faceta de editor, e a súa vida a través dos obxectos persoais e as pezas dos fondos da familia Álvarez Blázquez.
Esta exposición sobre Xosé María Álvarez Blázquez pretende achegarnos á súa figura atendendo ás súas múltiples facetas vitais e creativas. Diante de nós aparece o poeta, pero tamén o investigador e o cronista. Un home curioso e activo, cheo de inquedanzas, que foi quen de deitar o seu talento na súa época e para a súa terra atendendo a moitas frontes porque nada quedaba fóra da súa curiosidade. Desde o compromiso con ela, inventando, en tempos escuros pouco propicios á lucidez, un país do que hoxe podemos gozar. A súa contribución, desde a recuperación de cantigas medievais, ou desde o seu labor de arqueólogo, editor ou poeta, celebrámola hoxe coma un agasallo xeneroso dun home de talento.
Nesta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez propoñemos tamén unha viaxe pola súa vida desde o seu nacemento en Tui ata a súa morte en Vigo. É, dalgunha maneira, unha viaxe pola Galicia do século XX, unha terra ferida, coma o propio Xosé María tralo fusilamento do pai polos fascistas no 36, pero que quixo erguerse do seu sono, loitando contra da escuridade, a través da edición de libros fermosos, a través de palabras deitadas á roseira do mencer, batallando contra os ruíns, abrindo canles segredas para que entrase a luz e fluíse o vento. A Galicia que hoxe le e escribe en galego non existiría sen a contribución de xentes ilusionadas coma Xosé María Álvarez Blázquez.
A exposición A palabra e os días, é, sobre todo, unha homenaxe. Mais é tamén o cumprimento dunha débeda que tiñamos coa forza do vento que foi Xosé María Álvarez Blázquez.