Esta semana tivo lugar na Fundación Luís Seoane da Coruña o fallo do IV Premio Narrativa Breve Repsol. O acto estivo presidido por Cristina Rubal González, Subdirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística (Secretaría Xeral de Política Lingüística); Javier Inclán de la Cuesta, Director da Área Social e Institucional da Fundación Repsol; e Francisco Pillado Maior, voceiro do Xurado.
Francisco Pillado leu o fallo do xurado que deu como gañador do IV Premio de Narrativa Breve Repsol o escritor Xurxo Sierra Veloso pola súa obra Os fíos. O galardón está dotado con nove mil euros e coa publicación da obra pola Editorial Galaxia.
O voceiro fixo una lembranza do gañador e destacou que o Xurado para dar o Premio "valorou a ironía, a pulida e traballada narrativa do autor, a orixinalidade no tratamento literario, así como o xogo de distanciamento orixinal, que resulta sempre moi intelixente". Ademais, subliñou que "é unha obra que lle deixa sempre un espazo aberto ao lector e á lectora".
Corenta e unha foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa cuarta edición. Este ano foi convocado pola Fundación Repsol, contando novamente coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como de Editorial Galaxia, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Este ano o xurado estivo composto por cinco membros, cada un dos cales foi nomeado por unha institución:
– Pola Fundación Repsol: Francisco Pillado Maior. Escritor e editor, un referente na cultura galega, que dende o comezo foi o impulsor e o asesor do premio. Voceiro do Xurado.
– Modesto Hermida García, Filólogo e investigador nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
– Nomeado pola Real Academia Galega: Xosé Luís Axeitos Agrelo. Secretario da Real Academia Galega, catedrático do Instituto e profesor da UNED.
– Nomeada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega: María Canosa Blanco, escritora, poeta e articulista con numerosos galardóns tanto polos seus contos como pola súa obra poética.
– Carlos Lema, nomeado por Editorial Galaxia.
A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.