O Culturgal, cita estratéxica para a cultura galega

Categoría: Nova

O mes que vén volverá o Culturgal, a feira das industrias culturais que celebrará a súa terceira edición do 26 ao 28 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra.
Desta volta é a Asociación Culturgal, creada o 22 de xullo deste ano polas asociacións profesionais da industria cultural galega máis importantes, quen afronta a organización, coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e do concello de Pontevedra, como patrocinadores. "Darlle visibilidade ao proxecto e garantir a súa continuidade, cunha folla de ruta sólida trazada activamente polo sector", é o obxectivo dos seus organizadores.
Xulio Amigo, presidente da asociación Culturgal, apuntou como novidade que é precisamente o sector o que organiza agora o evento, a diferenza das dúas citas anteriores, cuxo protagonismo recaeu na Administración. Amigo definiu a feira como o "gran fogar da cultura, que ten as portas e fiestras abertas para o diálogo directo cos diferentes profesionais do sector e coa sociedade".
O presidente de Culturgal no só convidou os produtores de cultura a participar, senón que animou as familias a desfrutar da cita, posto que a feira traballa co obxectivo de pechar unha programación atractiva tanto para o público infantil, como para a xente nova e os adultos.

Compartir na redes sociais: