O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 25 de marzo de 2011, acordou nomear académico electo a Xosé Luís Regueira Fernández, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento da académica numeraria dona Olga Gallego Domínguez, e na mesma sesión produciuse o nomeamento de Débora Campos Vázquez como académica correspondente desta institución.
Xosé Luís Regueira Fernández (Goiriz, Vilalba, 1958), Catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela é un destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos da lingua galega, que goza dun merecido recoñecemento dentro da lingüística internacional. É membro da International Phonetics Association e da Asociación Internacional de Estudios Galegos entre outras.
Era académico correspondente da Real Academia Galega desde o ano 2002 e vén colaborando intensamente coa institución en traballos de fonética, de toponimia, de gramática, e na organización dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros, dos que foi secretario durante moitos anos. Foi tamén secretario da revista Cadernos de Lingua, e actualmente é o seu coordinador.
Autor de varias obras de referencia sobre lingüística galega, como unha Gramática galega e unha Guía bibliográfica de lingüística galega.
O profesor Regueira foi durante varios anos director do Departamento de Filoloxía Galega da USC e secretario do Instituto da Lingua Galega. É unha autoridade en fonética galega, do que é boa proba o libro Os sons da lingua e o Dicionario de pronuncia da lingua galega, así como un gran número de artigos no campo da fonética acústica en revistas de prestixio internacional.
Débora Campos Vázquez (Buenos Aires, 1973), filla de galegos, naceu no Centro Gallego de Buenos Aires. É xornalista e profesora na Universidade de Buenos Aires (UBA). Licenciouse en Ciencias da Comunicación na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Buenos Aires (UBA). Tamén se formou na escola de xornalistas TEA, mentres traballaba en diarios como Clarín, El Día, Página/12, El Día e revistas como Noticias, Veintitrés, Mercado, entre outras.
Foi colaboradora do diario electrónico Vieiros de Galicia e membro do Foro de Periodismo Argentino (FOPEA). Traballa hai cinco anos no único diario gratuíto que chega ás principais universidades de Buenos Aires. É autora do blog Fíos Invisibles (http://fiosinvisibles.blogspot.com/) e columnista no Diario Cultural da Radio Galega. Coordina, xunto á licenciada en Letras Andrea Cobas Carral, o Ciclo de Literatura Galega-Lectores galegos en Bos Aires, que se desenvolve no mítico Café Tortoni, na Sala Alfonsina Storni.
Como narradora de ficción, en 2008 publicou nas páxinas do número 179 de GRIAL o relato, "Decoración".