Unha fervenza de nominacións

Categoría: Nova

Onte foi un día especialmente feliz no seo de Editorial Galaxia ao se facer público que as nosas aplicacións para iPad e iPhone, Contoplanet, así como a aplicación para iPad de 'O soldadiño de chumbo' viñan de ser recoñecidas como finalistas para os Premios Mestre Mateo, os máis importantes do sector audiovisual en Galicia. Ao tempo, chegábanos a nova de que nos prestixiosos premios LAUS de Deseño, un dos máis importantes a nivel de todo o estado, Contoplanet coábase tamén como finalista. Se a isto sumamos os dous Premios EGANET recibidos hai uns meses por esta singualar iniciativa, podemos afirmar que estamos diante dunha das propostas editoriais máis recoñecidas e novidosas de toda a historia editorial galega.
No caso dos Mestre Mateo, das catro candidaturas finalistas na categoría de OBRA INTERACTIVA, 'Contoplanet', a nosa aplicación de contos para iPad e iPhone e que elaboramos en colaboración con Perro Verde Films e Milrayas, e a aplicación para iPad de 'O soldadiño de chumbo', en colaboración con Continental Producciones e Moonbite Games, eran dúas das catro seleccionadas para optar a tan alto galardón.
Será durante o mes de abril cando saberemos do fallo do xurado. En calquera caso, o recoñecemento do sector e do público xa está conseguido.

Compartir na redes sociais: