A obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, de Xosé Constenla Vega, resultou hoxe gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2017, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha fonda eleboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade que xera unha proposta politica con futuro. A vontade de transcendencia da obra demostra a posibilidade de reinterpretar Galicia desde unha perspectiva esperanzadora e, sobre todo, útil para a intervención no territorio.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.
Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña, na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM. Na actualidade é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana.