Galaxia pecha o ano Casares con dous novos títulos

Categoría: Nova

Hoxe tivo lugar en Compostela a presentación á prensa de A ledicia de ler e O suicidio de Jonas Björklund os dous libros cos que a Editorial Galaxia pecha un ano de intensa promoción da figura de Carlos Casares, autor homenaxeado no día das Letras Galegas deste 2017 que remata, de quen nesta se publicaron este ano 24 libros se contamos as reimpresións. Para presentar estes dous novos títulos, estiveron na libraría Couceiro Xosé Soutullo, director de produción da editoral, Dolores Vilavedra, profesora da USC, e Francisco Castro, director xeral de Galaxia.
A ledicia de ler é unha compilación de máis de catrocentos artigos que permite reconstruír da man das reflexións de Casares a memoria lectora da sociedade galega entre os anos 1975 e 1992. Un volume, resultado dun coidadoso e intenso traballo de edición acompañado do prólogo da profesora Vilavedra, que dá conta da preocupación de Carlos Casares por fomentar a lectura en galego e por fundar unha crítica literaria sólida e normalizada.
Tamén reseñable é o volume O suicidio de Jonas Björklund que reúne relatos dispersos do autor, algún deles inéditos ata o momento, escritos entre 1965 e 2001, e que por primeira vez se lle ofrecen ao lector de maneira conxunta. É este un monllo de historias que funcionaría como complemento dos dous libros de contos que o autor publicou en vida: Vento ferido (1967) e Os escuros soños de Clío (1979), títulos senlleiros na súa traxectoria. De novo, pequenas xoias literarias do autor homenaxeado co día das Letras Galegas 2017.
Ambos libros están publicados na “Biblioteca Carlos Casares”, colección que reúne a obra completa, narrativa e xornalística, do autor ourensán.

Compartir na redes sociais: