UN TIPO LISTO

Categoría: Nova

Nun acto celebrado no Teatro Principal da Estrada, Xosé Monteagudo recibiu oficialmente o Premio de Novela García Barros que mereceu pola súa obra 'Un tipo listo'. O acto foi presidido por José Antonio Dono, Alcalde da Estrada, quen estivo acompañado polo Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, por José Crespo, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, editora que publica o texto gañador, como parte do premio.

A novela iníciase coa morte do director dunha sucursal bancaria de Vigo. A aparición do cadáver leva á descuberta dun desfalco de grandes proporcións. Os dous fillos do presunto autor convértense nos principais sospeitosos dunha complexa trama financeira de repercusións imprevistas. Pero a acción da xustiza é quizais a consecuencia menos grave dunha situación na que a escura personalidade do pai lles revela un inquedante legado ao que teñen que enfrontarse.
A novela de Xosé Monteagudo premiada co García Barros 2009 ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que, cun dominio nada frecuente da materia literaria, propón unha reflexión sobre a relación pais-fillos, a herdanza como carga e como débeda que cómpre asumir para integrarse na sociedade ou a ruptura dos vencellos entre irmáns. Trátase dunha novela que busca un público lector amplo, na que o autor manexa a trama e dosifica a información de tal xeito que o lector se vai internando progresivamente nunha historia inzada de segredos e medias verdades.
Mediante unha absorbente historia de suspense, esta novela de Xosé Monteagudo retrata unha sociedade na que as traxectorias de éxito son a miúdo o resultado das máis turbias intrigas.

Compartir na redes sociais: