O futuro non é mañá. O futuro é hoxe.
Despois do anuncio que fixemos onte no que informabamos de que a nosa editorial ofrecerá medio cento de títulos antes de fin de ano, e outros tantos durante o 2010, ata chegar á completa distribución dixital de todo o seu catálogo, xa é posible, dende a páxina principal de Publidisa (www.todoebook.com) a descarga dos dous primeiros títulos escollidos pola nosa editorial.
Obviamente, 'A esmorga' de Eduardo Blanco Amor, pola súa carga simbólica, e máis neste intre de celebracións polo seu medio século de vida, tiña que ser un dos primeiros. E case que se pode dicir o mesmo do libro do chorado Anxo Rei Ballesteros, quen verá así á luz ao mesmo tempo que en papel.
Dende hoxe mesmo, e dende a páxina da distribuidora Publidisa, ler eBooks do noso catálogo xa é posible. O usuario só ten que acceder á páxina web e, dende alí, seleccionar a nosa editorial e, seguindo os pasos, facer a súa descarga. Tamén é posible dende as librerías asociadadas, como El Corte Inglés, La Casa del Libro, e desde outras librerías dixitais como Gandhi ou Librería de la U, de Colombia. Esta aposta vén completar outras como a descarga dende o Quiosco Dixital de ARCE (http://revistasculturales.publidisa.com) da revista GRIAL, presente neste formato dende o pasado mes de Xuño.
Desta maneira, a Editorial Galaxia continúa co mandado dos fundadores, cando no ano 1950 decidiron apostar pola modernidade dunha lingua e dunha cultura que necesitaba ter presenza visible e real no universo do século XX. Hoxe, instalados con forza no XXI, a nosa editorial fornece á cultura de títulos para ler neste novo formato que nos trae un futuro que xa é presente e no que, Galicia, vai ter, coma sempre, moito que dicir.