"Os grandes defensores da convivencia das linguas e do multilingüismo en Galicia somos os defensores do uso e a normalización do idioma galego, non eses outros que din falar de bilingüismo e que, no fondo, arrastran ou reproducen os vellos prexuizos contra o idioma galego, que son tamén os prexuizos contra a nosa modernidade".
Tales foron as palabras de Xaime Subiela na presentación, comentando o seu texto "As razóns da lingua galega".
Henrique Monteagudo insistíu na necesidade de articular novos argumentos para o uso do galego. "Non abonda con deseñar políticas lingüísticas que logo non se cumplen, ou se aplican dun xeito limitado e incompleto. O futuro da lingua galega pasa pola toma de consciencia cívica dos falantes. Temos que convencer á sociedade galega da necesidade e da utilidade do idioma. Necesitamos, hoxe máis ca nunca, facer pedagoxía social".
O debate foi interesante. Anxo M. Lorenzo apuntou liñas novas. "¿Estamos seguros de que o concepto de "normalización", que tanto éxito tivo na sociolingüística catalana nos anos 70, era o máis axeitado para definir a nosa realidade?". Con este interrogante se abríu o debate.
"O proceso de sustitución social da lingua (o abandono do galego polo castelán) continúa en marcha, malia todos estes anos de actuación política. Cómpre unha autocrítica seria, a fondo, do que estamos facendo", explicou Anxo M. Lorenzo. "Non houbo grandes cambios nestes 30 últimos anos, a pesar das políticas de normalizaciónm que neste período se deseñaron, todas cunha incidencia social moi limitada".
¿Por que estes escasos avances?
"Por varias razóns", continuou o sociolingüista da Universidade de Vigo. E apuntou algunhas. "Primeira, porque se interpretou erroneamente a suposta vitalidade do galego ao principio deste período. A lingua estaba moi ferida. Segunda razón, polas limitacións ideolóxicas e lingüísticas da nosa clase dominante, que nunca asumiu en serio os seus propios obxectivos. Terceira, porque algúns pensan que dende as políticas lingüísticas se poden facer milagres, e non é certo. A enxeñería lingüística ten limitacións obxectivas. Cuarta, porque nalgún momento as metas que nos planteamos eran excesivamente ambiciosas, excesivamente optimistas, a acabaron producindo frustración. Cómpre reconstruir o discurso. Cómpre unha nova iniciativa".
O número de GRIAL intenta abrir un debate sobre un tema que nos preocupa: o futuro da lingua e as actuacións posibles para deseñar ese futuro con eficacia. "Quizais hoxe temos unha madurez e unha experiencia que non tiñamos antes", explicou Freioxanes, "e debemos aproveitala". As páxinas de GRIAL seguen abertas a este debate, para quen queira arrequecelo.