Presentados e moderados polo escritor, historiador cinematográfico e crítico de cine e televisión Miguel Anxo Fernández, participaron na mesa redonda o produtor, crítico e xornalista cinematográfico, e na actualidade é responsable de desenvolvemento da produtora Filmax, Pepe Coira, o Presidente de Dygra Films, Manolo Gómez, e o guionista, director de cine e presidente da produtora Filmanova, Antón Reixa. A directora de cine e catedrática de Comunicación Audiovisual na USC, Margarita Ledo, non puido finalmente acompañarnos neste interesante debate.
Tratábase de abordar, dende distintas perspectivas, a situación actual do audiovisual galego e das súas posibilidades en canto á apertura cara a novas linguaxes para a cultura e, sobre todo, a necesidade da súa consolidación como industria e dun máis forte posicionamento en canto á distribución, tanto a escala nacional como estranxeira.
Os participantes concordaron en que a industria do audiovisual galego non pode limitarse a buscar o público local. Debe aspirar a colocarse en pantallas de todo o mundo, de diferentes culturas ás que cada vez é máis sinxelo achegarse grazas a rápida evolución das tecnoloxías, como supón por exemplo a extensión das pantallas dixitais. Neste sentido, Antón Reixa insistiu tamén na importancia da colaboración e as coproducións transnacionais, que significan unha gran oportunidade de internacionalización para culturas minoritarias e cuns fíos de distribución pouco influíntes.
A última mesa redonda desta ciclo terá lugar o mércores 26 de novembro, leva por título "Patrimonio. Memoria e identidade". Estará moderada polo arquitecto e comisario da exposición Galicia 25, Iago Seara, e contará coa participación de María Victoria Carballo-Calero, Felipe Criado, Anxo Fernández Ocampo e Carlos García Martínez.