O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nun acto celebrado onte na Cidade da Cultura e na que participaron ademais do presidente do goberno galego, o presidente de Editorial Galaxia, o reitor da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia, puxo onte a Xaime Isla Couto como exemplo do "noso intelectual típico", alguén que "observa e ama Galicia como un todo plural, cuxa unidade cómpre preservar".
Feijoo resaltou a abundancia de intelectuais galegos "empeñados en ser un factor de unidade", un feito que "explica o que somos" e enfatizou que "a Xaime Isla e a tantos da súa escola" debémoslles "máis que calquera outro país aos seus pensadores". FInalmente, o titular da Xunta sinalou que Xaime Isla Couto tiña unha "teima por facer de Galicia unha casa común", algo que se aprecia xa desde a súa mocidade, cando se implica, no ano 1933, na acción galeguista para "unir Galicia". Esa mesma motivación aparece no Xaime Isla que funda Galaxia para "unir Galicia mediante unha proposta cultural que asombra pola súa modernidade", así como "no Xaime Isla que impulsa revistas de pensamento e anima diferentes fundacións, quere tecer unha rede fraternal que una unha Galicia aínda desartellada".