A eliminación das axudas á edición de libros de texto e materiais curriculares para a educación por parte da Xunta de Galicia, anunciada inesperadamente no DOG o pasado día 9, así como a supresión de subvencións ás entidades locais para a promoción e uso do idioma galego, veñen de causar unha fonda preocupación no sector da edición e da cultura. No primeiro caso falamos de 400.000 euros. No segundo, de 420.000 que sairon no seu día a concurso e acaban de anularse.
"É unha medida inconcebible e irresponsable", vén de declarar o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado. "Un ataque unilateral á calidade do sistema educativo e a actividade editorial do país".
Cómpre ter en conta que a edición de libros de texto (material pedagóxico non universitario) ten para o sistema editorial galego unha dobre significación. Por unha banda, constitúe o discurso do esforzo, renovación e normalización da lingua no ámbito escolar. Por outra banda, é unha importante fonte de ingresos que contribúe á financiación e nalgúns casos mesmo á viabilidade da produción editorial en lingua galega. Moitos proxectos editoriais son posibles grazas aos excedentes procedentes do mercado escolar. Unha caída deste afecta gravemente ao conxunto do sistema.
Tal como se describía no informe "O capital da cultura. Unha achega ás industrias culturais de Galicia" (Fundación Caixa Galicia, 2010), traballo realizado baixo a dirección de Víctor F. Freixanes e Alberto Meixide, arredor do 60% dos ingresos económicos do libro galego proceden do libro de texto ou publicacións relacionadas directamente co ámbito escolar, que constitúe a base social do mercado en Galicia.
As axudas á edición destes materiais viñan achegando un certo osíxeno ás dificultades cada vez maiores que vive o sector, enfrontado aos desafíos da renovación curricular e tecnolóxica, novos hábitos de consumo, problemas de finanzamento diante das novas tecnoloxías, penetración e competencia das grandes transnacionais, etc. A supresión destas axudas, que a Xunta xustifica por motivos de restricción económica e que o sector xa consideraba insuficientes, é un novo golpe para a cultura e a lingua galega.