O festival Malakids!, unha das principais citas a nivel estatal para o público familiar, acollerá esta fin de semana o lanzamento de Sueños del Gatipedro, unha firma que nace ao abeiro da Editorial Galaxia para achegar a música de calidade aos máis pequenos e pequenas do Estado.
Sueños del Gatipedro é un dos patrocinadores do festival Malakids!, ao que se prevé que asistan máis de 10.000 familias. Nas súas máis de 200 actividades, o selo editorial ten tres concertos, cabeza de cartel, nos que dará a coñecer proxectos tan interesantes como Petit Pop, que presentará o seu traballo Petit Pop en Silenciópolis. Será o día 25 de abril, a partir das 13.00 horas, na Praza do 2 de Maio. Durante a mesma xornada, e no mesmo escenario, a gran familia María Fumaça desembarcará coa súa locomotora da felicidade, dirixida polo pequeno Ruí, para presentar o seu álbum homónimo. Será a partir das 16.00 horas. Xa o domingo 26 de abril, a partir das 16.00 horas e o o mesmo emprazamento dos anteriores, chegará a quenda de Titiriteros de Binéfar. Estes xenios das artes escénicas, merecedores dun Premio Nacional de Teatro, chegarán coas baterías cargadas para presentar o libro-disco Jolgorio del bueno.