Setembro

Categoría: Opinión

Rematan as vacacións e pouco a pouco volvemos á realidade. Este mes de agosto foi duro para nós. Entre outras razóns porque deixamos algúns amigos importantes no camiño, entre eles, Benxamín Casal Vila, presidente de Editorial Galaxia, exemplo de alento, optimismo, conciliación de vontades e confianza no futuro. Ímolo botar moito en falta.
Pero seguimos. Entramos en setembro cheos de proxectos, que iremos debullando de vagariño, segundo vaian xurdindo. Algúns (o proxecto Mar Maior, a edición do Ulises de James Joyce, a preparación da plataforma dixital para o libro electrónico) xa andan nos xornais, mais iremos presentando cada un chegado o momento.
Os tempos son difíciles para todos. Tamén para a cultura, e moi especialmente para a cultura galega, enfrontada a desafíos importantes, propios da época que nos toca vivir: financiamento de proxectos, mercados globais, novas tecnoloxías, competencia dos grandes grupos transnacionais, consumo fundamentado no espectáculo mediático… Pero nós, dende Galaxia, cremos na sociedade galega, que é a forza da sociedade civil, a enerxía que nos alimenta. Non só a Galicia de dentro, senón a Galicia toda que anda espallada polo mundo e que cada vez sentimos máis nosa (Arxentina, Uruguai, México, Brasil, Venezuela, Chile, Francia, Alemaña, Suíza…). Por riba de marcos e fronteiras, alí onde hai galegos/galegas, conscientes do seu, está Galicia e a súa cultura.
O outono vai vir cheo de novidades, e de ilusión, e de azos novos. Estas letras son para saúdar a entrada do mes e, en certa maneira, o principio de curso, e case que de ano laboral, de verán a verán.

Compartir na redes sociais: