Estes días irá chegando ás librerías de todo o país, o libro-disco de Najla Shami, dedicado a Rosalía de Castro, 'Na lingua que eu falo', un fermoso traballo musical ilustrado coas fotografías de Ainoa Calvo e na que Najla Shami musica algúns dos poemas de Rosalía ao tempo que nos ofrece temas de seu de clarísimo aire rosaliano.
En definitiva, un libro-disco que estamos certos de que vai chamar poderosamente a atención por moitos motivos. En primeiro lugar, pola calidade musical da proposta. A música de Shami, elegante e sobria, enérxica cando ten que ser, coma un río maino cando cómpre, enmarca á perfección o espírito rosaliano deste diálogo entre dúas autoras que se atopan neste século XXI no que os grandes temas da poeta siguen a ser os que nos enchen a alma hoxe en día.