O ano pasado publicabamos na colección Árbore o libro da xornalista e escritora María Solar, 'A verdadeira historia da mosca da tele'. Dende o seu inicio, foi un éxito tanto de crítica como de público, en especial entre a rapazada, destinatarios últimos desta historia da que están a gozar moitos centros de ensino do noso país.
Daquela, é lóxico que tiveramos que volver imprimir este libro que á autora se lle ocorreu, como non podía ser doutra maneira, nun plató de televisión. A xornalista estaba en plena gravación cando entrou en escena ese incómodo becho catódico que adoita complicarlle as cousas a presentadores e convidados, xusto no momento en que se acende o piloto vermello.
O libro, publicado na colección Árbore 10 anos, conta a viaxe dunha mosca desde os platós de Galicia ata a televisión do Caribe. Alí a protagonista coñecerá outros insectos cos que compartirá aventuras e alimentos. A historia, segundo explicou a súa autora, "reivindica a función que cumpren os insectos domésticos e demostra que, ás veces, os bechiños son máis humanos que as persoas".
O libro, neste intre, é un dos finalistas do prestixioso Premio Frei Martín Sarmiento que recoñece os mellores libros do ano a xuízo dos escolares galegos.