Rapsodia en negro, a primeira tradución de poesía contemporánea chinesa

Categoría: Nova

Onte presentouse na Coruña, Rapsodia en negro, a primeira tradución de poesía contemporánea chinesa para a nosa lingua e o maior compendio traducido da obra do recoñecido poeta Jidi MajiaAlberto Pombo encargouse de acometer esta empresa, difícil, pero que polo resultado parece doada, xa que cando un le estes versos parece que naceron en galego, porque Alberto Pombo fíxoos nosos.
Jidi Majia é un poeta cunhas características moi particulares, pois pertence a unha minoría étnica, os Yi, en concreto ao pobo nuoso, unha minoría de oito millóns de persoas, iso si. Dende a súa identidade, o poeta construíu unha obra que reflicte a mirada espiritual orixinal dos seus e dalgunha maneira dá voz tamén ás 56 variedades presentes na China porque cando un se sitúa nunha posición de minoría, non ten que quedar á marxe pode ser unha figura de primeiro nivel e conseguir romper esa fronteira e trascender, así non só dá voz ós seus senón a todos os que ás veces parecen invisibles ante a maioría, pero non o son.
Jidi Majia escribe en mandarín, pero canta á súa nación que é pequena en relación á gran China, pero inmensa en identidade. É un recoñecido xestor cultural e un poeta que ten gañado os premios máis importantes do seu país e tamén de fóra, pois está amplamente traducido, agora grazas a Alberto Pombo, tamén ao galego.
Yolanda Castaño asina un prólogo documentado, un prólogo que nos fai interesarnos por unha cultura tan afastada da nosa, pero que sentimos próxima en moitos puntos. E Yolanda Castaño tamén fala da poesía do autor esa poesía que canta un mundo rural, o mundo das pequenas cousas, do cotián, do día a día, pero dialogando coa cultura actual, como pode ser o último poema do libro. Este feito de escritor contemporáneo que é quen de representar unha realidade rural sen caer no folclorismo, no ruralismo senón dende a vangarda é un dos acertos do poeta. E o feito de que a súa posición o leve a identificarse coas minorías tamén nos axuda a identificarnos con el, coa súa minoría dende a nosa.
Como poeta culto tamén vemos o seu diálogo con grandes autores como Maiakovski, Neruda, Vallejo, o poeta checo Nezval, o turco Hikmet, cunha obra que dialoga con Maiakovski e que ademais foi un poeta exiliado polo seu comunismo; porque a posición política tamén o marca e aí está Pasolini,por exemplo, ou o poeta grego Yannis Ritsos que pasou por varios campos de concentración e que tamén se interesou pola poesía popular tradicional para expresar, nunha linguaxe simple e clara, unha mensaxe conmovedora de fraternidade. Moitas referencias, entre as que destaca a do seu pobo.
Esta non é unha tradución de despacho, de pecharse entre catro paredes e fronte a unha pantalla, esta é unha tradución vivida pois Alberto percorreu eses espazos, visualizou cada imaxe do poema, mirou aos ollos a ese pobo que deixa de ser minoría para ser centro, escoitou esas músicas tradicionais que parecemos sentir ao ler estes versos, sentiuse pequeño entre aqueles vales eternos e grande ao calor das súas xentes e das súas historias, grande ao sentir o desexo de Jidi Majia de ver os seus poemas en galego antes que noutras linguas de estado que xa preparan as súas traducións como o italiano, o portugués ou o alemán.
Grazas a Alberto Pombo sentímonos baixo un paraugas amarelo, vemos a beleza desbordante da natureza, identificámonos cos yi, sentímonos un nuoso a través de todas esas sensacións que Alberto Pombo foi quen de poñer en galego para que así fose.
Na presentación da Coruña, na Linda Rama, Alberto Pombo estivo acompañado de Yolanda Castaño, autora do prólogo, e de Malores Villanueva pola Editorial Galaxia.

Compartir na redes sociais: