Queridos Reis Magos: queremos mil primaveras máis

Categoría: Nova

Esta noite os Reis Magos de Oriente visitarán as casas dos nenos e nenas do noso país. Despois de ler as misivas recibidas traballarán arreo para compracer as peticións de tanta rapazada boa e responsable.
Nós tamén queremos facer a nosa petición. E facémolo unha vez que encetamos o novo ano e xa deixamos atrás o ano Cunqueiro, no que a nosa editorial tivo tanta actividade, dende a exposición 'No niño novo do vento' que aínda se pode visitar na Casa da Cultura de Vigo, pasando polas novas edicións da obra de Cunqueiro ou o libro-disco de César Morán sobre poemas do de Mondoñedo.
De entre todas as frases, de entre todos os versos, de entre todos os soños de Cunqueiro-Merlín, quizais a máis coñecida sexa aquila que fala do seu soño de "mil primaveras máis para a lingua galega e para Galicia". A frase, o verso, o soño, non pode ser máis fermoso.
Non pode haber petición mellor para os Magos nesta noite de ilusión e futuro.

Compartir na redes sociais: