Galaxia solidarízase coa economía dos lectores

Categoría: Nova

Por terceiro ano consecutivo Editorial Galaxia decidiu non subir nin actualizar os prezos do seu catálogo cara ao próximo ano 2012. Galaxia manterá os prezos dos libros tal coma os estableceu na saída das novidades hai tres anos, nun esforzo por manter a capacidade adquisitiva dos lectores.
"Entendemos que nestes tempos de apuro, debemos facer todos un esforzo para manter a competitividade do libro galego no mercado", advirten os responsables económicos da editorial. "Consideramos que é tamén unha mostra de solidariedade coa economía dos lectores. Dependemos deles e eles, os lectores, son os que verdadeiramente sosteñen os libros".
O prezo medio de venda ao público dos libros do catalogo de Galaxia anda arredor dos 14,67 euros. Os máis caros son os diccionarios e as obras enciclopédicas (31,30 euros de media), seguidos das coleccións de ensaio, investigación, memoria histórica e grandes temas de divulgación social (20,34 euros de media). Os máis baratos son os dirixidos ao público infantil e xuvenil, entre 8,9 euros e 11 euros. As coleccións de carácter literario amosan un prezo medio de 13,91 euros.
Curiosamente, o libro galego (cando menos o catalogo de Galaxia) mantense por debaixo do prezo medio do libro vendido no conxunto do Estado español. Segundo o recente estudo de Comercio Interior 2010 elaborado pola Federación do Gremio de Editores de España, o prezo medio do libro vendido no conxunto do estado foi ese ano de12,67 euros.
O prezo do libro vendido obtense dividindo os custos de edición e tiraxe polas vendas de cada colección. Non se refire ao prezo do libro ofertado nos catálogos senón á resultante do libro vendido. Segundo estes cálculos, a media do prezo de libro vendido nos catalogos de Galaxia é de 9,50 euros, atendendo ao conxunto dos case mil títulos de que dispón o seu catálogo nestes momentos, dende coleccións dirixidas aos máis novos a coleccións de investigación, ensaio e obras de referencia.

Compartir na redes sociais: