O pasado luns presentamos no Auditorio do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 'Un soño na bandexa' de Mariné Lorenzo Corcoba, nunha nova edición con pictogramas e que elaboramos en colaboración coa Fundación Menela, e pensada para que tamén poidan gozar da lectura, en galego, os afectados polo Transtorno do Espectro do Autismo. No acto, canda a autora, participaron un dos ilustradores, Jorge Vázquez, que ilustrou en directo para os asistentes, Cipriano Jiménez, director xeral de Menela, o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, Manel Fernández, e o editor Francisco Castro.
Achegáronse polo MARCO familias enteiras. O chan encheuse de nenos e de nenas que querían escoitar o conto, coller o libro, e, claro, tamén gozar do chocolate que a cafetería 'Detrás do Marco' ofreceu a todos e a todas as que mercaron o libro.
No noso blogue ofrecemos un pequeno álbum de fotos para lembrar como foi a xornada.