Nos vindeiros días iremos comentando a ampla oferta de actos de toda clase (presentacións, coloquios, concertos) que a Editorial Galaxia desenvolverá durante a celebración do xa tradicional Culturgal, que onte se presentou en Pontevedra polo conselleiro de Cultura en funcións, Xesús Vázquez Abad, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo,0 e o director da Feira das Industrias Culturais, Sergio Lago.
Baixo o lema "a casa da cultura é a túa casa, ti tes a chave", Culturgal encherá o Pazo de Cultura de Pontevedra de música, literatura, cine, televisión, teatro, danza, circo, maxia, novas tecnoloxías e todo un mundo de conexións entre elas na primeira fin de semana de decembro. "Serán tres días de diversión asegurada para toda a familia", segundo asegurou Sergio Lago na súa intervención. O acceso á feira é gratuíto.
Xulio Amigo incidiu no carácter "humilde, pero fermoso" de Culturgal, "o fogar da cultura galega". "Porque é o noso, construímolo entre todos e todas con esforzo e ilusión" e aínda que "este ano nesta casa falta algún moble, por culpa dos recortes", engadiu, "o público no se vai dar conta, porque o enorme talento dos creadores e creadoras galegas oculta a súa ausencia". O presidente da Asociación Culturgal, entidade sen ánimo de lucro que organiza o evento dende 2010, salientou que, cun orzamento inicial de 250 mil euros (un 15% menos que en 2011), "Culturgal se constrúe cun 25% do orzamento medio de calquera outro evento similar a nivel estatal". "O Mercat da Música Viva de Vic, a Fira Mediterrania, a Fira de Tárrega, a FICA de Andalucía… teñen orzamentos cercanos ao millón de euros, mesmo nestes tempos de crise", recordou Amigo.
Xulio Amigo agradeceu o "patrocinio imprescindible" da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Cultura. A Xunta de Galicia segue sendo o patrocinador principal de Culturgal, achegando 150 mil euros a través de AGADIC e 20 mil a través da SXPL, a pesares de que esta achega se reduciu nun 26% (60.000 euros) con respecto a 2011. Pola súa banda, o Ministerio de Cultura duplica o seu aporte e chega aos 23 mil euros e o Concello de Pontevedra incrementou tamén o seu apoio nun 20%, ata os 36 mil euros.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, sinalou que Culturgal é "unha oportunidade para o diálogo, para que xurdan ideas e para intercambiar experiencias", "unha ocasión de espertar interese social nas propostas culturais, de achegar os produtos á xente e de escoitar as súas achegas". Vázquez Abad agradeceu a participación dos diferentes axentes culturais públicos e privados implicados nesta feira "Unha aposta común pola creación dun escaparate para a cultura galega, que contribúa a conformar as industrias culturais galegas coma imaxe de marca do noso país perante os demais". "Esta feira", rematou, "é xa un referente, tanto como escaparate para as iniciativas culturais do momento, como para a interacción entre empresas e institucións".
Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, afirmou que Culturgal "pon todo o potencial da cultura galega a disposición da cidadanía, non só de Pontevedra, senón de toda Galicia". Recordou que "Pontevedra é cultura" e asegurou que "a pesares da difícil situación", o concello fixo un esforzo orzametnario adicional, para que "a Feira saíse do recinto e se achegase por un día á cidade". Así, o venres 30 de novembro, grazas ao apoio do Concello, Culturgal Mapea Pontevedra achegará sete propostas culturais de distintas disciplinas a varios espazos singulares da cidade.