Presentación do novo libro de María do Cebreiro en Santiago

Categoría: Nova

A escritora María do Cebreiro presentará a súa nova obra, o poemario OS INOCENTES, mañá venres na librería Lilith acompañada por Margarita García Candeira.

A AUTORA: María do Cebreiro (Compostela, 1976) é escritora e crítica literaria. En 2002 conseguiu o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. En 1998 publicou o seu primeiro poemario Os estadios do espello, o que seguiron Nós, as inadaptadas (2002, accésit do XXI Premio Esquío de Poesía), Non queres que o poema te coñeza (2004, galardonado co II Premio de Poesía Caixanova), O barrio das chinesas (2005) e Os hemisferios (Galaxia, 2006).

En 2005 publica en Galaxia As terceiras mulleres, ensaio trazado arredor da nova maneira de entender a representación da subxetividade feminina e a creación artística feita por mulleres.

O LIBRO: O discurso lírico moderno abriu por primeira vez na historia da poesía a posibilidade de que calquera poida enunciar o seu dicir baixo o impulso da liberdade subxectiva. Os inocentes nomean un desexo imposible: regresar ao intre fundacional da lírica, a ese momento histórico no que a poesía chegou a ser definida como emoción evocada no acougo e a imaxinación foi pensada como a capacidade intelectual máis estimable. Baixo esas condicións, trazar un mapa dos afectos é unha tentativa de refundar a linguaxe e un xeito de combater o sentimentalismo.

Compartir na redes sociais: