Presentación de "Carta urxente para Máximo Toxo"

Categoría: Nova

Mañá martes, e dentro do programa de actos do Salón do Libro de Pontevedra, a compañía Talía Teatro representará a obra, 'Carta urxente para Máximo Toxo' de Diego Rey.
Posteriormente terá lugar a presentación do libro do mesmo título. Participarán o autor do texto, Diego Rey, o ilustrador, Rubén Prieto, e o editor, Francisco Castro.
Máximo Toxo, gran escritor, aínda que pouco coñecido, vive pechado na súa casa, buscando acadar a obra perfecta, o libro polo que será recordado eternamente (e que lle permitirá pagar as súas débedas). O seu carácter rosmón e antipático, e a súa alerxia ao contacto con outras persoas, fan del un verdadeiro ogro, alleo a todo o que acontece máis alá da súa vivenda.
Por outro lado atopamos nesta obra a Belinda, que traballa como carteira, aínda que con ansias de progresar. É unha muller alegre e chea de vitalidade, algo inxenua (máis ben un pouco parva), e sempre confía na xente que a rodea.
Aínda que Belinda reparte o correo pola veciñanza de Máximo Toxo, nunca tivo ocasión de coñecelo… ata hoxe. O xefe de Correos fíxolle un encargo a Belinda: entregarlle ao señor Toxo unha carta importantísima en persoa.
Que pasará cando tales personaxes se atopen?
Estamos diante dunha comedia infantil e acrobática chea de altos, golpes, viravoltas, gritos, parvadas e trangalladas, que fai unha reflexión sobre a soidade e os seus perigos.

Compartir na redes sociais: