Deixounos don Xaime

Categoría: Opinión

Non é doado resumir nunhas poucas liñas o sentimento que deixa en todos nós, homes e mulleres da Editorial Galaxia, o pasamento de Xaime Isla Couto, un dos nosos fundadores. Convivimos con el durante anos e durante anos sentimos arredor o seu pulo, o seu entusiasmo contaxioso, as súas ganas de vivir, esa capacidade de ollar o futuro co optimismo da vontade, sabendo que as cousas sempre se poden cambiar para mellor (con traballo e con ilusión), que nunca hai que abaixarse nin darse por vencido.

Xaime Isla Couto era a imaxinación e a estratexia, a conciliación e o diálogo, a comprensión do outro (o que non pensa coma nós) e, ao mesmo tempo, a firmeza nas propias convicións. Estamos a despedir unha xeración certamente irrepetible: Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo… Eles foron a sementeira da Galicia (e da cultura galega) que hoxe nos alimenta.

Editorial Galaxia e Merlín Comunicación queren agradecer a millenta de expresións de condolencia e afecto que estes días estamos a recibir polo pasamento dun dos seus fundadores. Facémolo en nome propio, dos homes e mulleres que traballamos arreo nesta empresa ilusionante, e mais en nome da familia e das fundacións que nos acompañan: a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Isla Couto, que don Xaime, xunto coa súa dona Cristina Novoa e os seus irmáns Manuel e Celso puxeron a andar en 1987.

Compartir na redes sociais: