Presentación de NUNCA TE VIN CHORAR

Categoría: Nova

Ateigado de xente, o Café Moderno de Pontevedra foi onte o escenario perfecto para o acto de presentación en sociedade da última novela de Miguel Suárez Abel, quen estivo acompañado na mesa por Xaime Toxo, presidente do Ateneo pontevedrés, Víctor F. Freixanes e Fina Casalderrey.

O editor Víctor F. Freixanes fixo un percorrido pola traxectoria literaria de Suárez Abel, que despegou no ano 1988 ao gañar o Premio Blanco Amor coa novela Turbo. A Fina Casalderrey falou con emoción de Nunca te vin chorar, unha novela de paixóns e silencios, na que a través de dúas mulleres coñecemos a Wilson Valderrama, un personaxe que está a chegar ao final da súa vida, un tanto misteriosa.

O autor acompañou a súa intervención de pezas musicais de Colombia, onde transcorre parte da novela, e tivo tamén a xenerosidade de agasallar cunha fermosa margarida a cada un dos que mercaron o seu libro.

Compartir na redes sociais: