As andoriñas que veñen da infancia

Categoría: Nova

Hai unhas semanas, presentabamos en público 'A abella abesullona' un conto lindísimo que sae da fecunda -e poética- imaxinación de Manuel Janeiro. De seguido, reproducimos, pola súa beleza e interese (non exentas de retranca), as verbas do autor sobre o seu propio libro.

"Preguntáronlle un vez a Martin Amis: "Que quixo dicir vostede neste libro?", e o escritor respondeu, xa o dixen. Díxeno en duascentas mil palabras, non puiden dicilo por menos.

Claro, que ese non é o meu caso, o meu libriño ten apenas cinco mil palabras, ben podo por tanto dicir algunhas máis. O problema é que en canto fale un chisco, corro o perigo de empregar máis palabras das que ten o libro, e eso sería un contrasentido. Así que falarei pouco. O que vostedes, sen dúbida, me agradecerán.

Antonte estaba sentado fronte ao ordenador pensando en que ía dicir nesta presentación. Caia a tarde e por diante da ventá do meu estudio voaban coma puntas de frechas mouras as andoriñas, despois pasou un corvo, maxestoso e lento, e por detrás de todo estaba a posta de sol dun día de tormenta. As andoriñas acababan de chegar, certo chegaron fai dous días, pero as miñas non viñan de África, nin sequera viñan de Juan Ramón Jímenez, de Machado, de Rosalía ou de Bécquer, viñan da infancia.

Na infancia é onde existe o paxaro, o vermiño, a mosca de prata verde, e o raio de luz que atravesa a auga e convértese, de súpeto, nun vitral. Creo que de esas cousas trata en realidade o meu libro. Trata das cousas pequenas, inapreciables as veces á mirada do adulto pero que non pasan desapercibidas aos ollos dun neno, porque son precisamente elas as que mellor expresan o misterio do universo, e os nenos son moito mías universais que os adultos.
Teño para min que quen queira ter a honra de dirixirse a infancia debe ser capaz en palabras de Shakespeare de buscar algunhas gotas de asperxo e pendurar unha perla na orella de cada prímula (sinto que Shakespeare sexa un pouco cursi).

Pero, de que trata una obra literaria?
Da historia que conta ou de cómo o conta?, o que os teóricos da literatura chaman argumento en contraposición a discurso. Quén mellor explicou esta diferencia entre argumento e discurso foi Mingote nunha soa viñeta: Una señora moi encopetada atópase cun tímido escritor na rúa, e dille: dixéronme que acaba vostede de publicar unha novela, ten que vir unha tarde a casa a contarma. A dama interesáballe a historia, pero non a novela en se que é o discurso literario que fai o escritor. Qué diríamos do argumento de Platero y yo, ese libro inconmensurable: Tratase dun señor que ten un borriquiño branco e o quere moito. Vai con el por aquí e por acola falándolle ao burro das cousas do mundo, pero desgraciadamente o animaliño morre e entérrano debaixo dun piñeiro. E que diríamos do Tenorio: tratase dun fulano que lle gustan moito as mulleres, sobor de todo as monxas. Que diriamos entón da Abella abesullona: tratase dunha abelliña que vai po aí de flor en flor facendo preguntas como Sócrates e que atopa unha amiga e se independiza.

Como o argumento é insubstancial para referirse a obra literaria e o discurso é incomunicable se non é polo propio acto da lectura, nunha presentación cabe o recurso de referirse a unha análise de contidos ou valores, non sei se dicir sociopolíticos e culturais, en todo caso sempre será unha análise ideolóxica, aínda que no mellor sentido da palabra. Neste sentido poderíase dicir da Abella abesullona, que é un libro no que se expón o asunto da identidade entre o individual e colectivo, entre as obrigas para cos demais e para cun mesmo. Tamén que fala do autodesdubrimento que supón a aceptación dos retos da vida, do valor da amizade ou incluso que é un libro republicano e feminista, como dixo del unha lectora amiga. En fin, se cadra é todo eso, pero eso non é tampouco independente do discurso literario que o constitúe. E tamén, nun nivel menos interpretativo e máis pragmático, é unha historia natural da vida das abellas comunais por unha banda e solitarias ou primitivas pola outra, pero todo isto o é sen querer, porque ante todo é, ou debe ser, literatura e nada máis. Quero dicir que un dos grandes males da actual literatura infantil e xuvenil é que a parte de ser, as veces, refuxio de malos escritores, énchese intencionadamente de obxectivos psicopedagóxicos. Estes, os valores didácticos o sociais, deben darse, pero implicitamente. O escritor que parte da idea de que o seu libro sexa escollido para cubrir as necesidades de, por exemplo, "educación para a cidadanía" polo xeral fai un panfleto insoportable.

Agora ben, vos sodes ensinantes, sodes mestres, ese nome sagrado, e eu son un oportunista. Así que si queredes ler este libro, se queredes recomendarllo aos vosos alumnos, eu os garanto que sirve para todo: sirve para ensinar lingua, coñecemento do medio, social e natural, para educar en valores e para todo o que faga falta. Pero eso si, e isto vai en serio, este libro debe ser ante todo un conto literario, algo que seduza, entreteña e emocione, se non é así non vale para nada. Son da opinión de que un conto infantil non merece selo senón é quen de interesar a un bo lector adulto, a un lector competente; por tanto fágoos unha suplica. Se me facedes a honra de ler este conto prégovos que en canto vos deixe de interesar, en canto vos aburra, deixedes inmediatamente de lelo, e que si é así, non o leades xamais aos vosos alumnos".

Compartir na redes sociais: