Presentación de NÓMADES en Vigo

Categoría: Nova

Este mércores, Xosé Tomás presenta a novela gráfica 'Nómades' no Centro de Recursos Feministas de Vigo, no segundo andar da Biblioteca Municipal. Estará acompañado polo editor, Francisco Castro.
'Nómades' é unha novela gráfica artellada sobre breves pero reveladores episodios que teñen como fío condutor a emigración e como protagonistas a mulleres de diferentes idades e condicións. Polas súas páxinas pasan mulleres que atravesan o océano en caiuco, que se prostitúen para enviar o diñeiro ás súas familias, que emigran na vellez por acompañar os fillos e non se adaptan, que viven ás agachadas o seu lesbianismo ou que non poden regresar ao seu país a enterrar a un ser querido pola situación laboral irregular na que se atopan.
Xosé Tomás (Betanzos, 1971) documentouse a fondo para escribir e debuxar cada un destes episodios, un proceso no que ademais de coñecer de primeira man a realidade das súas protagonistas tamén serviu para rexeitar ideas preconcibidas. «As travesías nos caiucos poden parecernos moi épicas, pero cando falei con dúas persoas que cruzaran a Canarias o que máis lembraban era a mestura de cheiros como o salitre, o combustible e os excrementos», relata o autor. Malia toda esa documentación, o resultado no papel favorece a lixeireza e o rexistro íntimo, porque Xosé Tomás é consciente de que a viñeta ten os seus propios códigos e o máis útil para os seus propósitos era a elipse.

Compartir na redes sociais: